Sunday 28 de April de 2024

O PXOM de Ordes rexistra máis de 600 alegacións


A maior parte son reclamacións de particulares situadas nos distintos núcleos rurais do municipio. No caso das zonas urbanas superan o centenar

Un total de 639 alegacións foron as que se presentaron ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ordes, cuxa aprobación inicial se acordou no pleno do pasado mes de marzo.

De todas elas máis de 110 fan referencia a áreas urbanas, 103 no caso do casco urbano de Ordes e 9 no do Mesón do Vento. No que se refire á zona rural contabilizáronse máis de 500 escritos (núcleos de Ordes 129, Buscás 55, Ardemil 52, Montaos 50, Leira 48, Poulo 43, Pereira 36, Beán 22, Vilamaior 21, Mercurín e Parada 16, Barbeiros 14, Lesta 6). A inmensa maioría de todas elas están presentadas por particulares en referencia a propiedades privadas. No que se refire a alegacións xerais ao Plan presentáronse un total de 19.

Tras finalizar o prazo de revisión do documento inicial e presentación de alegacións o pasado 30 de maio, o Concello de Ordes dá por concluída outra das fases requiridas pola lei de cara á súa aprobación provisional e posterior definitiva. O equipo redactor responderá de maneira xustificada a todas as reclamacións, remitíndose posteriormente notificación individual a quen presentase alegación, tendo en conta non só os contidos das peticións formuladas, senón tamén os informes sectoriais de tódolos organismos consultados.

Co fin de facilitarlle o máximo posible os trámites á veciñanza o Concello habilitou a consulta íntegra do documento a través da súa páxina web (www.ordes.gal), ademais de abrir un servizo matutino de información específica sobre o Plan Xeral.

O novo PXOM prevé un crecemento de 1.512 novas vivendas en solo urbano, 554 en solo urbanizable delimitado e 861 no núcleo rural.